Monday 06 de May de 2024

O Concello de Frades achega 6.000 euros a doce asociacións de veciños e comisións de festas do municipio


O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, vén de asinar os convenios de colaboración con doce asociacións de veciños e comisións de festas do municipio polas que o Concello de Frades achegará 500 euros a cada entidade para a organización das distintas festas patronais do municipio. En total, o Concello de Frades achegará 6.000 euros, que poderán ser empregados para aluguer de carpa, gastos de electricidade, actuacións musicais o pirotecnia nas festas patronais de Frades.

As entidades beneficiarias destas axudas son as Comisións de Festas de Céltigos, Mesos e Ledoira, para a realización das festas de Augasantas (9 de setembro), Santa Margarita (20 de xullo) e do Carme (6 de agosto). Tamén recibiron eses 500 euros a asociación cultural Rutural de Añá, para as Festas de San Paio (24 de xuño) e as asociacións de veciños Os Pasos de Aiazo, para a Festa de San Pedro (1 e 2 de xullo), San Juan de Vitre, para a Festa de San Juan (24 e 25 de xuño) e Rexente de Ponte Carreira, para as Festas de Santa Mariña (18 e 19 de xullo) e do Rosario (8 de outubro).

Finalmente, tamén resultaron beneficiadas as asociacións de veciños Os Labregos de Abellá, para as festas do Corpus (15 de xuño) e do Carme (16 de xullo); San Martín de Frades, para as festas de San Miguel (29 de setembro), Santa Mariña (18 e 19 de xullo) e do Rosario (8 de outubro); Río Maruzo, para as festas do Carme (16 de xullo) e de San Roque (3 de setembro); Río Samo de Galegos, para as festas do Carme (25 de xullo); e Santa María de Papucín, para a festa de Santa Cruz (6 de maio).

No acto de sinatura dos acordos de colaboración, que tivo lugar no salón de plenos, Rey Martínez estivo acompañado polos representantes das doce asociacións veciñais e polos concelleiros de Facenda, Manuel Ferreiro Marzoa, e Cultura, Jesús Miguel Prado Cea.